Saturday 27 de April de 2024

O BNG solicita o arranxo das tapas de sumidoiro en Deán


As parroquias precisan maior atención pero este goberno discrimina á veciñanza das zonas rurais

Na estrada que discorre por Deán Pequeno, preto do lugar das Minrelas, as tapas de sumidoiros están provocando molestias debido ao mal estado no que se atopa o firme. As veciñas e veciños están cansos de ter que soportar o ruído que producen as tapas de sumidoiros que hai por toda a estrada. Ante a situación contactaron co BNG que trasladará esta petición ao Concello de Ribeira para que se busque unha solución inmediata.

O portavoz do Bloque, Luís Pérez Barral, informa de que esa estrada ten moito tráfico “xa que serve de paso para moitos veciños e veciñas da zona pero tamén para os camións que se dirixen ao centro loxístico de Congalsa o que implica un paso constante de camións”. Moitas das tapas están mal encaixadas e o cemento que as rodea está moi deteriorado, polo que cada vez que pasa un automóbil ou camión provoca un ruído constante e molesto para as veciñas e veciños que viven na zona, sobre todo pola noite.

A acumulación de tapas de sumidoiro no cruzamento que sobe para Xarás tamén supón un serio risco para a seguridade viaria, sobre todo nos día de chuvia porque dificultan a adherencia das rodas de vehículos e motocicletas ao firme da estrada.

Pérez Barral cre que a inacción do goberno local por atender as demandas das parroquias e das zonas rurais provoca que haxa veciñanza de primeira e de segunda “e isto é unha clara discriminación porque seguro que se fose no centro urbano xa estaría resolto”. Ante esta situación o BNG vai solicitar que se realicen as tarefas oportunas de mantemento que eviten o ruído que producen as tapas de sumidoiro en Deán e pedirá que todas as tapas que se teñan que facer no firme das estradas contemplen as medidas oportunas para evitar que fagan ruído ou sexan un risco nos días de chuvia.